CRTVG

Buscar

O Sergas iniciará a vacinación de menores de 60 con Pfizer e Janssen a vindeira semana

Publicado o 06/05/2021 17:20

O  Sergas empezará a vacinar a vindeira semana as persoas menores de 60 anos porque, segundo as súas previsións, toda a poboación maior desa idade xa terá posta, polo menos, unha primeira dose contra a covid−19.

Segundo explicou o presidente da Xunta na conferencia de prensa posterior á reunión extraordinaria do comité clínico, neste treito de idade administraranse soros de Pfizer e de Janssen.

Alberto Núñez Feijóo salientou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis poboación cunha primeira dose (o 36,4 %), "case cinco puntos por riba da media española". Ademais, dixo, o 16,6 % da cidadanía galega está totalmente inmunizada, e iso supón un 3,2 % por encima da media estatal.

Ao longo desta semana, o Sergas prevé dispensar máis de 245.000 vacinas para rematar de inmunizar cunha primeira dose o grupo de 60 a 65 anos e continuar co que vai dos 66 aos 69.

Vacinación das tripulacións

Sobre a vacinación das tripulacións, dixo que a Xunta está a ser "absolutamente escrupulosa" coas decisións da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial.

Malia que a proposta do Goberno galego é inmunizalas coa monodose de Janssen, asegurou que fará "o que se decida no Consello Interterritorial, esteamos de acordo totalmente ou parcialmente".

Segunda dose de AstraZeneca

Respecto á inoculación con AstraZeneca para as persoas que xa recibiron a primeira dose, insistiu en que o "lóxico" é dispensarlles a segunda unidade desta marca. Porén, confirmou que van agardar pola información que lles facilite o Ministerio de Sanidade "nos próximos días" tras o ensaio clínico posto en marcha.