CRTVG

Buscar

O Sergas chamará os galegos sen inmunizar para insistirlles na importancia da vacinación

Publicado o 09/09/2021 20:25

O ciclo de vacinación masiva está a piques de pecharse en Galicia. Quedan 182.000 persoas sen inmunizar, 34.000 delas sen ningunha dose. O sábado terán a oportunidade de acudir sen cita previa a calquera dos 14 puntos de vacinación habilitados nos grandes recintos. E a semana que vén tamén vacinarán así nos sete campus universitarios. Abonda con levar o DNI ou a tarxeta sanitaria.

Josefa Rodríguez Araújo, coordinadora de vacinación da área sanitaria de Ourense, advirte de que "terán que parar na zona administrativa, ver se están de alta no sistema, darlles a alta rápida se non o están, darlles unha cita..."

Á espera de como funcione este sistema de repesca, o Sergas ten preparada xa a segunda parte da estratexia. Chamar un a un os que sigan sen vacinar. Miguel Álvarez Deza, xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra, di: "O obxectivo é chegar ao 98 % da poboación galega vacinada antes de que remate setembro. Vanos chamar individualmente e repetidamente desde os centros de saúde e os servizos de admisión dos hospitais, un a un, e vaise insistir en que se vacinen".

Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de vacinados. Roza o 100 por cento nos maiores de 60 anos. Na franxa de 20 a 40 hai un 30 % sen inmunizar con dobre pauta.

Os servizos de alerta epidemiolóxica confirman que unha taxa elevada de vacinación afastará moito o risco dunha sexta vaga da pandemia.

Noticias web

09/09/2021