CRTVG

Buscar

Convocan para un cribado en Vigo 20.000 persoas para detectar asintomáticos

Publicado o 20/11/2020 16:32

Vigo é outra das áreas que non mellora. A partir de mañá o Sergas inicia alí un cribado voluntario.

Están chamados os vigueses de entre 20 e 60 anos e o Sergas espera facer 20.000 PCR.

Con elas queren atopar os asintomáticos que poden estar espallando o virus, que segue sen control na área.

Os seleccionados debe cumprir como requisitos: non ter realizada unha proba PCR nas últimas dúas semanas e dispoñer dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos Lembra.

As persoas seleccionadas serán contactadas polo Servizo Galego de Saúde e nas súas mans estará aceptar ou non a invitación para participar no cribado. Se a súa resposta é positiva, facilitaráselles unha cita, día e hora, para que se acheguen aos puntos de extracción seleccionados, ben nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro ou nalgún outro tipo de instalacións, como pavillóns deportivos ou centros socioculturais.

Dependerá do volume da poboación que acepte someterse á proba e de criterios de mobilidade e accesibilidade.

Xa para esta fin de semana están convidadas a realizar o test diagnóstico no covid-auto do Álvaro Cunqueiro 2.000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma. Está prevista unha seguinte quenda doutras 2.000 persoas adscritas ao centro de saúde de Lavadores.

O Sergas confía en solicitar "a máxima participación" nesta iniciativa e apela a "a solidariedade" da poboación de Vigo, pois o cribado "pode resultar de gran impacto na loita contra o virus".

En paralelo a esta iniciativa está a realizarse un cribado con PCR aos traballadores dos diferentes programas sociais dalgunhas ONG e concellos da área sanitaria de Vigo.

Trátase de persoas que presentan maior vulnerabilidade, con maior risco de contaxio pola súa dedicación a unha actividade vinculada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: axuda no fogar, da infancia e familia, coidadores de barrio ou servizos sociais.

Polo momento sometéronse á proba 800 traballadores de Vigo, O Porriño, Mos, Salvaterra, Crecente e Ponteareas.

Caballero cre o cribado masivo chega tarde 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cre que o  cribado a 20.000  asintomáticos anunciado polo Servizo Galego de Saúde chega tarde, porque se tería que realizar "fai quince días", aínda que interpreta que nese intervalo de tempo a cidade foille "dobregando o pulso" á covid-19.

Iso a pesar de que na área sanitaria de Vigo reportáronse onte 288 novos contaxios, cifra récord desde o estalido da pandemia -hoxe foron 168-, e de que é a que maior cantidade de casos activos presenta en Galicia (2.380), aínda que tamén é a de maior poboación.

Noticias web

20/11/2020