CRTVG

Buscar

O Sergas avisaranos das citas vía SMS

Publicado o 30/09/2019 14:06

Recibiremos mensaxes do Sergas no noso móbil. Arranca o sistema que vai permitir que nos cheguen avisos do médico vía SMS.

"Diferentes comunicacións: das súas citas médicas, das campañas de vacinación, de alertas farmacéuticas, de resultados de probas diagnósticas que teñan feitas...", precisa Luis Verde, xerente da área sanitaria da Coruña.

Xa nos últimos tempos se foi implantando a comunicación vía SMS cos familiares do paciente durante unha cirurxía. Agora, esta maneira de comunicación funcionará tamén no día a día. Este martes 1 de outubro comeza a funcionar na área sanitaria da Coruña. De aí irase estendendo por toda Galicia.

"De xeito progresivo, ao longo dos meses vindeiros os cidadáns recibirán esa comunicación para que acepten recibir eses avisos", anuncia Luis Verde. Esa será a primeira SMS: o que nos pide autorizar que o Sergas nos escriba ao móbil.

Sete de cada dez galegos teñen xa un número de móbil asociado á súa tarxeta sanitaria. E o xerente pide máis: "Queremos que aquelas persoas que aínda non facilitaron un teléfono móbil o fagan para poderen recibir avisos por esta vía".

Pódese facer de dúas maneiras: ou ben entrando na web do Sergas ou ben acudindo ao noso centro de saúde e activar alí o servizo de notificacións por SMS. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019