CRTVG

Buscar

O Sergas asegura que Galicia xa supera os criterios hospitalarios para a desescalada

Publicado o 04/05/2020 19:13
O Sergas asegura que Galicia xa supera os criterios hospitalarios para a desescalada

O Servizo Galego de Saúde asegurou este luns que Galicia cumpre cos criterios do Ministerio de Sanidade para dar os seguintes pasos na desescalada. Faino despois de que o Goberno solicitara ás comunidades autónomas que garantan nun prazo máximo de cinco días un total de 1,5 e 2 camas de UCI e entre 37 e 40 camas de enfermos agudos por cada 10.000 habitantes por se houbese un rebrote do coronavirus.

Desde o Sergas indican que en Galicia elaborouse un plan propio de continxencia ante a pandemia da COVID-19 que inclúe as camas dos hospitais de campaña nas cidades da Coruña e Santiago que a Xunta impulsou ao comezo da crise sanitaria.

Segundo o departamento autonómico, a previsión de recursos asistenciais e capacidade hospitalaria que se contempla prevé unha capacidade para poder chegar a dispoñer de 10.313 camas de hospitalización convencional para atención a enfermos da COVID-19.

Este cociente supón que habería 38,2 camas por 10.000 habitantes, e 689 camas de coidados críticos que supoñen 2,55 camas de coidados críticos por 10.000 habitantes.

O Sergas asegura que os recursos asistenciais hospitalarios son superiores aos mínimos establecidos na orde ministerial.

Con todo, esta mesma mañá a oposición galega lamentou que o Sergas teña que botar man dos hospitais de campaña para cumprir cos criterios do Goberno central. Neste sentido, os partidos da oposición denuncian o recorte en camas hospitalarias na última década ao indicar que en 2009 Galicia contaba cun total de 9.863 camas dispoñibles.