CRTVG

Buscar

O Sergas alerta da incidencia entre mariscadores en Pontevedra e fará cribados a 580 traballadores

Publicado o 19/01/2021 20:17
O Sergas alerta da incidencia entre mariscadores en Pontevedra e fará cribados a 580 traballadores

A área sanitaria de Pontevedra informou este martes de que, dada a incidencia no colectivo do marisqueo, fará cribados preventivos mediante PCR a un grupo de 580 profesionais das confrarías de Lourizán, en Pontevedra, así como de San Telmo e Raxó, en Poio, co obxectivo de determinar de forma precoz as posibles infeccións por coronavirus entre estes traballadores.

Esta actividade preventiva realizarase de maneira diaria "en próximas datas" pola mañá e pola tarde tanto na carpa covid auto con acceso pola rúa Joaquín Costa, en Pontevedra, como no punto de extracción de probas emprazado ao fondo do aparcadoiro lateral exterior do Hospital Provincial, con acceso por Loureiro Crespo.

Serán convocados gradualmente e vía sms telefónico personalizado 191 profesionais do marisqueo da confraría de Lourizán, 305 efectivos da confraría de San Telmo e 84 membros da confraría de Raxó. Todas as mostras tomadas con PCR ao colectivo profesional de marisqueo da ría de Pontevedra procesaranse no servizo de Microbiología do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os resultados serán comunicados aos usuarios por sms, sempre que o resultado sexa negativo.

No caso de resultar positivo, esta notificación comunicarase de forma individual a cada traballador.