CRTVG

Buscar

O Seprona investiga a posible causa do mal cheiro que ás veces hai en Catoira

Publicado o 17/09/2021 14:04

A orixe da onda de cheirume que ás veces invade o aire de Catoira segue a ser unha incógnita. A Garda Civil, concretamente cun equipo do Servizo de Protección da Natureza, Seprona, está a traballar niso. As avaliacións que nos deron os veciños sobre o problema son diversas canto á intensidade e frecuencia do cheiro. Iso si, son contados quen falan publicamente do mal olor.

Manolo, veciño de Catoira, di que "desde hai un tempo hai uns olores bastante desagradables. Son de cando en vez. Ás veces polas tardes, case sempre. Normalmente durante, non podo precisar exactamente o tempo, pero non sei, dúas ou tres horas. É un cheiro bastante desagradable".

A conserveira, que ten a súa depuradora, e a estación municipal onde tratan as augas residuais son dous dos puntos onde os gardas do Seprona fixeron mostraxes para determinar calidade e condicións das verteduras.

En Friscos aseguran que o seu sistema funciona con normalidade e cumprindo a normativa e no goberno municipal afirman o mesmo da EDAR pública. Segundo a Garda Civil, o estudo está avanzado, pero aínda non concluíu. Mentres, hai convocada unha xuntanza veciñal para protestar esta tarde polos cheiros.


 

Noticias web

17/09/2021