O Senado de Alabama aproba a lei do aborto máis restritiva dos EUA
Organizacións de Mulleres e Asociacións en Defensa dos Dereitos Humanos dos Estados Unidos están listas xa para recorrer a lei sobre o aborto que acaba de aprobar o Estado de Alabama. É a máis restritiva de todo o país e prohibe abortar mesmo en casos de violación a adolescentes ou incesto. As denunciantes argumentan que ese texto contradí a xurisprudencia do Supremo.
"O que estamos vendo é un esforzo nacional e coordinado para eliminar a capacidade das mulleres para tomar as súas propias decisións persoais sobre a súa atención médica", di Jenniffer Dalven. Dirixe a ACLU, unha coñecida organización en defensa dos Dereirtos Humanos dos Estados Unidos, e anuncia que van recorrer a lei.
Sucédense as protestas de mulleres, e ducias de políticas demócratas saen á palestra denunciar que xa van dezaseis estados lexislando contra o aborto, contra a histórica setenza de 1973 que recoñece a interrupción voluntaria do embarazo como un dereito constitucional protexido pola décimo cuarta emenda. Argumentan que se trata dun movemento coordinado contra os dereitos das mulleres do que forma parte o presidente Trump.
Foi esta muller, Kay Ellen Ivyn, a gobernadora de Alabama, quen asinou de inmediato a lei que aprobaron no Senado deste estado 25 homes. Brancos e republicanos, subliñan as activistas. Do debate destacan os momentos en que estes lexisladores responderon que a prohibición de abortar non admitiría sequera as excepción dos casos de violación e incesto, e este momento en que un Senador da minoría demócrata berraba: "O que están facendo é dicíndolle a miña filla que non importa que a violen e que debe ter ese fillo se queda embarazada".
A lei aprobada ten un prazo de recurso antes da entrada en vigor dentro de seis meses e só contempla as excepcións de embarazos ectópicos, anormalidades graves no feto ou perigo para a vida da nai, indo mesmo mais a alá das denominadas leis do latido que impulsan noutros estados. Os promtores afirman que desde 1973 houbo millóns de abortos e comparan as cifras coas do holocausto.