O sector turístico galego ve en Fitur un punto de inflexión, tras un ano practicamente en branco
Fitur abre as súas portas co propósito de relanzar as viaxes nacionais e internacionais. Un sector estratéxico, o do turismo, que supón o 13 por cento do PIB nacional, e que deixa atrás un ano de perdas históricas, debido á crise sanitaria do coronavirus.
"As reservas están funcionando ben de 15 de xullo a 15 de setembro, e se o número de vacinacions segue ao mesmo ritmo, iso vai producir unha confianza nos turistas que poidan vir a Galicia", di Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
É a primeira gran feira internacional que recupera, cando menos en parte, a presencialidade. E nela Galicia promóvese como un destino turístico seguro.
"En Galicia imos ter en vigor, en moi poucos días, de xeito pioneiro en toda España, un seguro para cubrir calquera persoa que veña a Galicia como turista ou como peregrino, e que se contaxie ou contaxie algunha das persoas que vai con el, asumir todos os gastos, todas as xestións, simplemente cunha chamada de teléfono", explicaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
No posto galego tamén está moi presente o Xacobeo, como unha oferta diferenciada, e co valor engadido da celebracion do ano santo dobre.
"Probablemente neste ano os resultados sexan máis parecidos ao 2018, pero vai supoñer a base para que o 2022 sexa un éxito impresionante, o ano santo que pensabamos que iamos ter no 21", aseguraba o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo.
55 países participan de forma presencial e outros 79 farano telematicamente, coa presenza de máis de 5.000 empresas. Un encontro en que tamén se dará a coñecer o certificado dixital verde, e falarase doutros temas como o turismo idiomático ou o papel relevante da muller no sector. E que aspira a ser o pulo do turismo tras os meses máis duros da pandemia.