CRTVG

Buscar

O sector turístico galego prevé unha ocupación de entre o 70 e o 90 por cento este verán

Publicado o 01/07/2019 15:25

Comeza a temporada de verán e as espectativas hosteleiras son moi boas. As previsións do sector turístico galego para este verán son positivas. Esperan unha media de ocupación do 70 %.

"Se falamos da provincia da Coruña, un 70 por cento no mes de xullo e entre un 80 e un 90% en agosto. A tempada e as últimas reservas poden facer fluturar un 40% estas previsións. De feito, se falamos das Rías Baixas o termo xeral é do 70% pero se falamos de Sanxenxo pode chegar ao 90%", explica Nava Castro, directora de Turismo de Galicia

O sector vén apreciando un incremento dos visitantes pero tamén do tempo que quedan, que aumentou nun 1,5 %, e dos beneficios que deixan, un 8% maiores.

"Gústame a gastronomía, gústanme as praias. Un pouco de todo", di un visitante.
"A comida, todo, todo inflúe, pero gústanme moito as praias de aquí", explica outro turista.
"Temos bos restaurantes, bo produto e o tempo, nin moita calor nin moito frío", engade un galego de visita en Baiona.

A variedade da oferta tamén motiva os visitantes. Ademais de costa e da praia, moitos veñen buscando a tranquilidade do turismo rural ou a relaxación do turismo termal.

 "O que nos fai diferentes é a nosa hospitalidade e un turismo tranquilo. A xente vén con calma, a gozar, a degustar", Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.

Rutas diferentes, como as que ofrecen os Trens Turísticos de Galicia, ou mesmo festivais de música, como O Son do Camiño, tamén están a facilitar un perfil aínda máis amplo de visitantes.

Noticias web

01/07/2019