O sector turístico galego mira con optimismo ao verán e as cifras de ocupación empezan a ser altas
As expectativas son boas para un dos sectores máis castigados pola pandemia. Os expertos que participan en Sanxenxo no Foro do Turismo, falan dun alto nivel de reservas en Galicia, que neste momento acadan xa o 70 por cento. Salienta ademais o bo pulso do sector galego, que aguantou ben a crise, e apuntan a este verán como o da recuperación. As claves, o potencial da nosa terra e a diferenciación.
Din que empezan a ter clientes. Para os empresarios iníciase un momento de transición ata chegar a estar nos niveis de antes da pandemia. Son optimistas porque as cifras acompañan con bos datos nas reservas de aloxamentos.
Desde o sector apostan por ferramentas como o pasaporte covid para facer un turismo seguro.
O turismo rural está a ser moi demandado. Durante o foro, os participantes coinciden nun aumento da demanda deste tipo de turismo tras as restricións pola pandemia.
A pandemia paralizou a actividade no sector, algunhas empresas quedaron polo camiño, pero os expertos salientan a capacidade de resistencia en Galicia.
O foro concluíu con boas expectativas para este verán coincidindo co Ano Santo galego.