CRTVG

Buscar

O sector marisqueiro de Ferrol venderá directamente as súas capturas

Publicado o 19/02/2019 14:28

O sector marisqueiro de Ferrol dá un paso adiante para vender directamente as súas capturas na confraría, sen ter que depender de intermediarios. Faino coa posta en marcha dunha depuradora que lle dará maior valor engadido ao seu traballo.

Ameixa, berberecho, ostra e carneiro. Os moluscos capturados na ría de Ferrol poderán ser tratados nas instalacións da confraría de pescadores, onde a depuradora facilitará a explotación e comercialización do recurso. As máis de duascentas familias que dependen do marisqueo na ría de Ferrol terán unha maior marxe de beneficio. E os consumidores garantía de orixe.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Que poidan adquirir directamente, aquí na confraría, os produtos do marisqueo. E iso estou convencida que redundará nun beneficio económico porque poderán darlles maior valor engadido aos produtos cos que están a traballar todos os días na ría".

O proxecto foi promovido pola confraría e subvencionado pola Consellería do Mar con máis de 13.500 euros. É unha das 250 iniciativas incluídas no Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro, que suma 17 millóns de euros en axudas europeas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2019