CRTVG

Buscar

O sector marisqueiro xa pode pedir as axudas polos danos dos temporais

Publicado o 16/02/2021 14:55

Tras mes e medio parados, volve a actividade aos bancos marisqueiros de Noia.

"Era para empezar o 1 febreiro, pero ao estar as comportas abertas e tanta chuvia non queriamos tocar o marisco porque senón morreríanos todo. Acordouse abrir o 15 de febreiro. Aquí temos a xapónica moi tocada, á parte de moita morta tamén", explica Marisol Amado, presidenta das mariscadoras a pé da confraría San Bartolomeu de Noia.

Para paliar os efectos dos temporais, a Xunta puxo en marcha un paquete de axudas de máis de 2 millóns de euros destinadas ao sector marisqueiro, que xa se poden solicitar. Son tres ordes de axudas, explica a conselleira do Mar Rosa Quintana, "que buscan compensar para poder realizar proxectos de recuperación tanto de zonas produtivas como inprodutivas".

Proxectos subvencionables como a repoboación das zonas de marisqueo, a loita contra especies invasoras ou a recollida activa de lixo mariño. O Goberno galego tamén traballa nun proxecto para crear minicriadoiros de semente en distintos puntos do litoral, para un sector que tamén padece os efectos da crise sanitaria

"Os restaurantes están pechados, as celebracións tampouco se poden facer, despois veñen as choivas... ven unha tras outra, parece que non damos saído. Temos a esperanza de que vaia pouco a pouco cambiando a situación", asegura Adelo Freire, secretario da Confraría de Noia.

En Noia reservan o 80 % da cría de berberecho para a vindeira campaña, ao tempo que agardan a mellora da crise sanitaria do coronavirus, que previsiblemente permitirá unha maior recuperación do sector.

Noticias web

16/02/2021