CRTVG

Buscar

O sector leiteiro, clave na economía galega condicionado polos baixos prezos

Publicado o 01/06/2020 22:00

Algunhas cifras abondan para dar conta da importancia do  sector leiteiro en Galicia. Hai 350.000 vacas produtoras espalladas en 7.000 explotacións coma esta. O sector da emprego a 25.000 persoas e diariamente prodúcense sete millóns e medio de litros de leite, é dicir, un cada 85 segundos. O problema seguen a ser os prezos, a 31 céntimos de media o litro, que non sempre chegan para cubrir custos.

O leite é un dos alimentos que máis controis pasa antes de chegar aos consumidores. Tanto a súa calidade como a súa composición e condicións sanitarias son analizadas diariamente. Tamén se vixía o estado das instalacións onde se produce e que as vacas estean en condicións axeitadas para o seu benestar. Aínda que o Día Mundial do Leite se celebra hoxe, os gandeiros lembran que eles traballan todos os días do ano e fan un chamamento a manter o consumo tanto líquido como de derivados para garantir a pervivencia dun sector tan importante na economía.

"Que se siga consumindo leite como se consumiu toda a vida. Nós estamos aquí coidando e alimentando os animais os 365 días do ano para producir o mellor leite posible. E queremos que ese leite tamén estea nas mesas dos fogares os 365 días do ano".

Os nutricionistas lembran que o leite é un dos alimentos máis completos que existe e que unha dieta equilibrada debe incluir o consumo de, polo menos, dous produtos leiteiros ao día. Calcio, minerais e proteínas son algunhas das achegas do leite ao noso organismo. Esas achegas non se obteñen consumindo os mal chamados leites de orixe vexetal que non deixan de ser zumes.

"E vitamina D. En Galicia vemos moi pouco o sol e por iso é fundamental a achega de vitamina D que nos dá o leite. É un produto vital".

Galicia conta coa metade de todas as explotacións leiteiras que hai en España e a produción galega supón máis do corenta por cento de todo o leite do Estado.

Noticias web

01/06/2020