CRTVG

Buscar

O sector leiteiro aproveita as novas tecnoloxías para producir leite de xeito máis eficaz

Publicado o 08/11/2018 15:24

Precisamente o sector leiteiro é un dos que máis está a aproveitar as novas tecnoloxías para producir de xeito eficaz. Un exemplo son os robots para muxir as vacas que non só sacan o leite senón que ofrecen todo tipo de datos estatísticos sobre os animais e que se poden manexar a través do teléfono móbil. Ademais, os robots abranguen unha boa parte do traballo físico nun sector en que a falta de man de obra comeza a ser un serio problema.

Seis horas diarias os 365 días do ano. Ese era o tempo que empregaban nesta explotación de Cospeito en muxir as vacas. Agora instalaron un robot que os liberou desa tarefa. A máquina non só extrae o leite cada vez que a vaca o precisa, unhas catro veces ao día, senón que leva incorporado un software que analiza tanto a composición e calidade do leite como o estado sanitario do animal.

E mesmo serve para darlles a ración de concentrado. Con esta tecnoloxía, o traballo físico que supoñía mover arredor de setenta vacas na sala de muxidura xa desapareceu. E con el as madrugas e as doenzas óseas e musculares que lles provocaba aos gandeiros.

Co robot aforramos moitas horas de traballo físico porque neste sector é moi abondoso e a certas idades xa estamos menos capacitados para poder facer tanto esforzo. Reducir o traballo físico conseguiuse grazas ao robot.

O robot é un exemplo das vantaxes que supón a incorporación de novas tecnoloxías nas explotacións leiteiras. Cun ordenador e mesmo cun teléfono móbil pódense controlar máquinas e medir todo tipo de parámetros. Malia a falta de remuda xeracional e a escaseza de man de obra capacitada para traballar nas granxas, as novas tecnoloxías están a contribuír a que a produción de leite galega sexa a oitava en volume de toda a Unión Europea.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018