CRTVG

Buscar

O sector lácteo intensifica a súa actividade para atender a demanda

Publicado o 27/03/2020 16:37

O consumo de lácteos aumentou dende que comezou o confinamento, por iso as cooperativas galegas intensificaron a súa actividade. Tamén activaron protocolos para garantir a recollida do leite de xeito seguro.

O aumento no consumo de leite rexistrado desde o inicio do estado de alarma está a facer que as industrias leiteiras intensificaran a súa actividade para abastecer o mercado. No caso do grupo cooperativo CLUN, levouno a poñer en marcha quendas de fin de semana nas plantas de Feiraco e CLESA.

Rafael Prieto, director xeral de CLUN: "Ao principio o pico máis forte foi co leite, agora temos máis apuro para os iogures, pero a demanda segue alta".

Puxeron en marcha protocolos para garantir a seguridade dos traballadores e o mantemento da actividade nas plantas, e están en contacto cos gandeiros vía WhatsApp e SMS para darlles protocolos de traballo nas granxas e asegurarlles a subministración de materias primas.

"Poden facer pedidos por teléfono e simplemente vir recollelos a unha hora concreta, evitando colas e aglomeracións nas tendas", engade Rafael Prieto, director xeral de CLUN.

A súa prioridade agora é a de garantir o abastecemento de alimentos á poboación nesta crise.

"Cando ves que hoxe non se pode conseguir unha máscara porque a maioría se están facendo na China, está todo o mundo puxando por elas, imaxinade se o mesmo pasase co leite ou coa carne ou o peixe. Temos que poñer en valor o noso sector primario, que é o que nos está dando de comer hoxe a toda a sociedade nas casas", apunta Rafael Prieto.

 

Noticias web

27/03/2020