O sector hoteleiro agarda unha ocupación superior ao 80 % en agosto

Primeira festa de agosto en Miño. As rúas están ateigadas e os hoteis case cheos. O concello consolídase como destino turístico ampliando a súa oferta máis aló do sol e a praia.
"Estamos facendo unha serie de actuacións de sendas, a dos Sentidos, a da fraga do Xarío. Hai xente que vén a Miño precisamente facer esas sendas. É outro atractivo máis que temos no concello", conta o alcalde do concello, Manuel Vázquez Faraldo.
As temperaturas suaves tamén son un atractivo para moitas persoas que escollen Galicia como destino de vacacións. A asociación empresarial de hospedaxe da Coruña agarda unha ocupación media do 80 % para este mes de agosto. Na provincia de Pontevedra, son incluso máis optimistas.
"Temos unhas previsións bastante boas. Estanse mantendo as reservas, o fluxo de turistas e as previsións estarán arredor do 80-90 % de ocupación media", asegura César Ballesteros, presidente da Asociación de Hostaleiros da Provincia de Pontevedra.
Nas Rías Baixas, Sanxenxo segue a ser a vila turística por excelencia pero o resto de destinos tamén están a facer unha boa campaña. Polo momento, as restricións da pandemia non están a provocar cancelacións importantes.