CRTVG

Buscar

O sector hostaleiro lucense quere o peche perimetral na Semana Santa

Publicado o 12/03/2021 10:34
O sector hostaleiro lucense quere o peche perimetral na Semana Santa

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, amósase partidario de manter o peche perimetral da comunidade durante a Semana Santa. Considera que, deste xeito, se poden evitar os mesmos "erros" que se cometeron no Nadal e derivaron en restricións máis duras e prolongadas.

"Se despois do esforzo que estamos a facer todos en Galicia para evitar os contaxios, se abre en Semana Santa para que chegue xente doutras latitudes nas que non están facendo o mesmo esforzo, estaremos facendo un pan coma unhas tortas", asegura.

Segundo Real, trátase de aprender do que sucedeu no último ano. "Durante o Nadal, por dez días, estivemos confinados dous meses. Agora, por catro días, imos xogar un confinamento de varios meses?", subliña.

O representante do sector na provincia de Lugo insiste en que non son partidarios da apertura e reflexiona: "Se fixésemos algo así, realmente habería que cuestionarse se non somos unha especie a extinguir".