O sector hostaleiro e a Xunta apostan por volver abrir as barras de bares e cafeterías
A hostalería e o ocio nocturno respiran aliviados coa rectificación do Ministerio. Aspiran a ir avanzando na desescalada, que van acordando co Goberno galego. O sector e a Xunta apostan por volver abrir as barras dos bares e cafeterías.
Agardan poder ampliar os espazos de uso dos locais, e así utilizar as barras, que tanto tempo levan pechadas. Sería un alivio para os hostaleiros que tamén confían en poder ampliar a ocupación das terrazas. Neste plan de desescalada aparece o ocio nocturno, que espera poder reabrir despois da celebración da proba piloto desta fin de semana.
O sector do lecer nocturno non entende a actitude do Goberno central e celebra a rectificación. Na mesma situación están os hostaleiros. A Xunta pídelle ao Ministerio que as medidas se revisen periodicamente en función da evolución do virus.
O sector agarda continuar coa desescalada pactada coa Xunta. Confían en que as barras dos bares poidan volver usarse en dúas semanas. Queren que se amplíe a ocupación no interior e que no exterior se poida chegar ás 15 persoas por mesa e tamén piden que se equiparen os horarios dos bares e dos restaurantes.