CRTVG

Buscar

O sector gandeiro reclama un censo real do lobo

Publicado o 25/05/2021 17:19

O sector gandeiro di que é o gran prexudicado de seguir adiante a prohibición da caza do lobo. Asegura que pon en perigo á gandería extensiva. En cifras, son unhas 2.500 explotacións.

O sector considera posible a coexistencia da súa actividade co mantemento do lobo. Apoia os actuais plans de xestión e control en mans das comunidades autónomas. Pensa que vetar a caza do lobo derivará na superpoboación da especie. Calcúlase que na nosa comunidade autónoma hai entre 700 e 900 lobos.

O gandeiro Carlos Sordo asegura que perde uns sete becerros ao ano polos ataques do lobo. Son tempos difíciles en que di que hai días en que un pensa en tirar a toalla.

Non está en contra do lobo, pero cre que vetar a súa a caza sería a sentenza de morte para explotacións como a súa. "Pois se o prohiben, que os teñan en reservas e os manteñan", reclama.

Sete mastíns protexen o rabaño de cabras de Gema San Pedro. Optou por esta solución porque as perdas polos ataques do lobo eran inasumibles. No 2018 perdeu máis de medio cento de animais. "É un 25 por cento do rabaño, pero xa non é so o valor do animal senón o valor da selección dos animais, a recría", explica.

Sen control sobre o lobo temen a superpoboación da especie. "Que pasa se hai máis lobos ca gandeiros? Eu non son partidaria de matar os animais, pero hai que chegar a un equilibrio", subliña.

Piden que se faga un censo real do lobo en busca da convivencia entre esta especie e a gandería.

Noticias web

25/05/2021