CRTVG

Buscar

O sector dos eventos afronta a primavera con confianza moderada

Publicado o 10/03/2021 15:16

Achégase a primavera e o tempo das celebracións familiares como vodas, bautizos e comuñóns. As empresas que traballan no sector amosan un optimismo moderado e piden que non se produza agora un relaxamento.

O 9 de maio é a data clave. Ese día levántase o estado de alarma e confían en que se poidan retomar os eventos que se aprazaron o ano pasado e mesmo se poidan contratar outros novos. 

Paseniño, a actividade vaise retomando nas tendas que venden roupa para vodas comunións e bautizos. O confinamento duro do pasado ano deixou moitos traxes sen vender ou mesmo sen pagar. Teñen claro que aínda van tardar en volver ao ritmo e aos prezos que había antes da pandemia, cando un vestido de noiva custaba de media 1.800 euros.

"Sen a hostalería non hai vodas, nin eventos. Pero agardamos que se poida recuperar a normalidade dentro dunhas semanas", asegura José Ramón López, xerente de Fontelo Noivas.

Na hostalería tamén son moderadamente optimistas en canto a retomar os banquetes. Esperan, polo menos, recuperar os que quedaron pendentes do ano pasado e din estar preparados para novos eventos. A opinión máis estendida é que paga a pena perder a Semana Santa para desfrutar dun verán con garantías.

Florerías, empresas de alugueiro de vehículos ou músicos profesionais tamén agardan con esperanza que a situación mellore na primavera. En todo caso, as celebracións seguirán marcadas polas normas anti-COVID.

Noticias web

10/03/2021