CRTVG

Buscar

O sector do taxi vota se se reprega despois de 15 días de folga en Madrid

Publicado o 05/02/2019 08:09

Así recibían esta pasada noite os taxistas en folga a noticia de que non hai acordo coa comunidade de Madrid.

Julio Sanz, presidente da Federación do Taxi: "Hoxe asistimos ao máis burdo engano e desprezo a todo un colectivo do taxi de Madrid. En lugar de buscar unha solución ao conflito, trataron de dividir o sector, sacar vías novas como unha regulamentación para os taxis, cando se pedía unha regulamentacion para o sector. O taxi pode perder unha batalla pero a guerra vai ser longa".

Hoxe, entre as 10 da mañá e as seis da tarde, o sector decide en referendo se continúa coa folga ou se repregan. O Goberno da Comunidade ofrécelles buscar unha regulamentación no Comité Madrileño de Transportes, pero négase a regular tempos de precontratacion para as VTC.

Rosalía Gonzalo, conselleira de Transportes de Madrid: "Nós non imos facer ningún tipo de modificación de lei, e vou rematar como empecei, porque hai 3.000 familias en Barcelona que antes tiñan traballo e agora non o teñen e porque hai denuncias por parte das VTC que afectarán o patrimonio, neste caso da comunidade catalá".

O taxi si ganou a batalla en Euskadi, onde onte conseguían o compromiso do Goberno vasco de precontratar as VTC cunha hora de antelación, que ademais terán a obriga de volver á base se non están de sevizo. Nas últimas horas desvelouse que unha compañía das illas Virxes está detrás de 140 empresas de VTC a través de sociedades interpostas en Luxemburgo. Segundo estas informacións, entre os accionistas desta empresa, Moove Cars, habería investidores españois.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/02/2019