CRTVG

Buscar

O sector do ocio nocturno galego cifra en máis de 300 millóns as perdas que acumula polos peches

Publicado o 12/03/2021 11:31
O sector do ocio nocturno galego cifra en máis de 300 millóns as perdas que acumula polos peches

O sector do ocio nocturno cifrou en máis de 300 millóns de euros as perdas que acumula xa polos peches derivados da covid-19, o que motivou tamén, argumenta, o peche de 200 locais na Comunidade.

Así o revela o Estudo de impacto do coronavirus no ocio nocturno e os espectáculos, realizado pola Asociación de Empresas de Lecer en Galicia (Galicia de Noite) xunto coa patronal España de Noite, onde se recolle que a facturación cae en picado, cun descenso cifrado en 1.018 millóns de euros.

Este mesmo estudo sinala que "a súa capacidade de resistencia atópase ao límite", cun retroceso na facturación de máis do 84 %. Ante esta "asfixiante situación", o sector estima que máis do 70 % das pemes terminará desaparecendo se antes do verán "non se reabren os locais ou se inxecta un plan de axudas económicas directas".

Galicia de Noite esixe ao Goberno central que "asuma o seu compromiso" e "inclúa no seu próximo paquete de medidas económicas, que debería aprobarse no próximo Consello de Ministros, un plan de rescate específico para o sector". 

Coincidindo coa conmemoración do primeiro ano do peche dos primeiros locais e cando o toque de queda ten prohibida a actividade nocturna nas cidades españolas ata o 8 de maio, Galicia de Noite sumouse á posta en marcha dunha nova acción reivindicativa nacional, baixo o lema 'Un ano pechados, rescate xa!', para "esixir unha compensación económica urxente e denunciar os principais problemas provocados polas escasas axudas existentes".