O sector do cámping de Galicia prepárase para a reapertura
Os cámpings galegos preparan as súas instalacións para volver á actividade e coa vista posta na campaña do verán.
Os máis de 120 establecementos deste tipo que hai en Galicia deberán adaptar as recomendacións do protocolo aprobado polo Ministerio de Sanidade para reducir o risco de contaxio.O sector dos cámpings en Galicia, con máis de 120 establecementos, 34.000 prazas e case un millón de pernoctacións o ano pasado, prepárase para unha reapertura progresiva.
Perdida a campaña de Semana Santa, o sector fíao todo aos clientes que poidan chegar durante os meses de xullo e agosto.
"Veremos como é o verán, porque a xente ten medo, e aínda que non nos preocupemos de que as cousas estean en regra, pois non cabe dúbida de que a xente nas súas casas está pensando que ao mellor non o está".
Na reapertura a ocupación non deberá superar a metade da capacidade do establecemento, haberá que manter sempre a distancia de seguridade e extremar as medidas de hixiene e limpeza.
O protocolo sanitario para evitar contaxios establece requisitos específicos para cada zona do cámping.
"Trataremos de cumprir todas as normas que hai que cumprir, na entrada dos servizos comúns, na entrada de recepción.... e todo iso. Sempre poñeremos algo para que a xente que pasa vaia máis ou menos cumprindo a norma".
O protocolo tamén recolle que o cliente deberá ser informado, antes de formalizar a súa reserva, de todas as medidas adoptadas polo cámping para reducir os riscos sanitarios fronte á COVID-19.