O sector de imaxe persoal de toda España protesta en Santiago para reclamar o IVE reducido
Con máis de 100.000 profesionais en toda España, o sector da imaxe persoal trouxo a súa campaña nacional a Galicia para reivindicar a recuperación do IVE reducido que polo momento o Goberno rexeitou e que eles enteden como urxente, xusto e máis necesario que nunca no contexto actual da pandemia.
Ángeles Salgueiro é voceira en Galicia da plataforma Creer en Nosotros. Di: "Non pode continuar isto así, cada día atopamos máis obstáculos, como o veto do goberno a pesar de ter o apoio do resto de partidos, e aínda así temos trabas".
Entregaron ao delegado de Facenda unha carta dirixida á ministra María Jesús Montero para que corrixa a súa posición e acepte as súas demandas con vistas ao 2022.
Ermitas Silva é a voceira local de Santiago e di: "O Goberno central foi quen nos vetou no senado, todos se posicionaron ao noso favor pero a ministra di que non, e non o entendemos; póñennos como esenciais e creo que é moi necesario que nolo baixen".
A rebelión das tesoiras rotas, como as asociacións chaman o movemento, promete un "outono quente" con máis mobilizacións para conseguir a ansiada redución do IVE para os seus negocios.