CRTVG

Buscar

O sector da hostalaría asume con preocupación o nivel alto de restricións en Ribeira

Publicado o 23/04/2021 15:13

Lola Guirado, hostaleira e membro da directiva da Asociación de Empresarios da Barbanza, adáptase con resignación ao novo peche no interior dos locais de hostalaría. A actividade queda limitada desde hoxe á metade da ocupación das terrazas e a borrasca que leva o seu nome non convida, polo de agora, a sentar no exterior.

"Vén con chuvia, vento, así que aínda será menos da metade, o mínimo", di, respecto da terraza do seu establecemento.

A capital da Barbanza ten unha incidencia acumulada de 186 casos por cada 100.000 habitantes. Nas últimas 24 horas sumáronse dúas infeccións activas máis, e algunhas delas son da cepa surafricana. De aí que as autoridades decidiran incrementar as precaucións aquí para tentar reducir a incidencia.

A xefa do Servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Santiago e A Barbanza, Cristina Fernández, anuncia que se vai facer un cribado "para a pobocación de todas as idades adscrita ao centro de saúde de Palmeira", probablemente este domingo.

Así que toca asumir o endurecemento das medidas. A poboación resígnase e, a pesar da chuvia, achégase ás terrazas.

"Ribeira sen hostalaría e sen mar morre, hai que axudar", di unha muller mentres toma un café nun dos establecementos do Malecón. Outro cliente apoia tamén o sector e pide que "primeiro controlen que non veñan de Barcelona ou de Madrid".

Ademais do cribado en Palmeira, faranse probas no sector conserveiro da zona.

Noticias web

23/04/2021