CRTVG

Buscar

O sector da castaña, preocupado polo aumento do furtivismo

Publicado o 07/09/2017 20:33

O ano pasado o Seprona realizou catro detencións de furtivos e impuxo outras tantas multas por tráfico ilegal do produto

Ás portas do comezo dunha nova temporada de recollida de castaña, o sector demanda das forzas de seguridade máis control contra os furtivos e o tráfico ilegal. Os produtores non cuantifican aínda as perdas, pero sinalan que a fraude e os roubos van a máis.

O problema afecta sobre todo os produtores, que ven minguada a súa colleita logo da acción dos furtivos. A castaña, igual que o piñón ou os cogomelos, é un produto asequible para os amigos do alleo.

Vixiar todos os soutos de castiñeiros é misión imposible. Aínda así, o ano pasado o Seprona realizou catro detencións de furtivos e impuxo outras tantas multas por tráfico ilegal do produto. O sector pide axuda á Garda Civil e esta insiste na importancia da colaboración cidadá. 

Se alguén rouba para vender é que alguén compra, así que o propio sector aplica o autocontrol.

Na última campaña colleitáronse máis de vinte millóns de quilos, o que se traduciu nun volume de negocio duns cen millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/09/2017