CRTVG

Buscar

O santuario da Peregrina, pechado ata o martes para poder eliminar a colonia de couza

Publicado o 27/06/2019 14:27

Os traballos de limpeza do retablo do santuario da Peregrina, en Pontevedra, amplíanse uns días para poder eliminar a incipiente colonia de couza que foi detectada pola restauradora. O templo, moi frecuentado por peregrinos e turistas, pemanecerá pechado ata o martes.

Había oito anos que este retablo da pequena capela da Peregrina non era intervido. Tocaba limpeza, e por iso o templo foi pechado ás visitas durante uns días para quitarlle o po a esta policromía de madeira datada a finais do século XVIII. Pero durante os traballos de mantemento quedaron ao descuberto uns visitantes que non estaban convidados.

O tratamento é sinxelo, pero tóxico, e iso fai que esta fin de semana sexa imposible permitir as visitas, moitas, que recibe o santuario. É lugar de paso obrigado para os peregrinos do Camiño portugués, que durante o ano pasado foron máis de 80.000, e que selan aquí a súa credencial. Ademais, a Peregrina é moi frecuentada por turistas e polos propios pontevedreses.

Os traballos custarán uns 10.000 euros e serán sufragados pola propia confraría.


 

Noticias web

27/06/2019