O santiagués Borja Iglesias mete o Betis nos cuartos da Copa con dous goles na prórroga
Dous goles do santiagués Borja Iglesias na prórroga déronlle o pase aos cuartos de final da Copa ao Real Betis (3-1). Criticado durante moitos encontros, a perseveranza de Iglesias tivo premio nun final de partido apoteótico do xogador galego. A eliminatoria puxéraselle costa arriba co tanto inicial de Oyarzábal, que igualou Canales a doce minutos do final cando os dous equipos xogaban cun home menos.
O Levante tamén se meteu nos cuartos de final da Copa do Rei logo de impoñerse ao Valladolid por 2-4. E iso que os locais se adiantaron aos 13 minutos cun gol de Toni Villa. Aínda no primeiro tempo remontou o Levante grazas a Bardhi e Malsa. Xa no segundo tempo Coke puxo o 1-3. Weismann recurtou diferenzas pero Morales acabou por sentenciar o encontro.
O Vilarreal selou o seu pase cun triunfo sufrido diante do Xirona (0-1) decidido cun temperán gol de Yeremi Santos.