CRTVG

Buscar

O Santander e os sindicatos pactan o ERE para 3.223 traballadores

Publicado o 14/06/2019 09:31

O Banco Santander e os sindicatos chegaron a un principio de acordo sobre o ERE que se vai asinar previsiblemente o vindeiro luns. O axuste afectará 3.223 traballadores en toda España, fronte aos 3.700 iniciais que propoñía a empresa. Acordáronse tamén prexubilacións con ata o 80% do soldo. 

Tras 24 días de negociacións, o Banco Santander e os sindicatos alcanzaban nas últimas horas o principio de acordo que suporá unha redución do 13% do número de despedimentos previstos. Serán finalmente 3.223, 494 menos dos propostos inicialmente pola entidade.

As dúas partes conseguiron porse de acordo para mellorar as condicións dos traballadores que queiran deixar o banco menores de 50 anos. Segundo o acordado, melloran as indemnizacións para os maiores de 55. Santander ofreceulles aos traballadores de entre 55 e 61 anos prexubilarse co 80% do salario pensionable, igual ca no ERE de 2018. O banco pagará, ademais, a Seguridade Social ata os 63 anos a todos os que se vaian con máis de 50 anos. Aos maiores de 62 anos, aboaralles o equivalente a 20 días por ano traballado, co límite dunha anualidade.

Mantense o peche de 1.150 oficinas, o 26 por cento da rede da entidade en España.
O texto do acordo, secundado por preto do 80% dos sindicatos representados no banco, está pendente de redacción e revisión.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019