CRTVG

Buscar

O Santander compensa os pequenos accionistas que perderon todo o que investiran no Popular

Publicado o 13/09/2017 14:30

Trátase dunha acción comercial que cambiará as accións adquiridas na ampliación de capital do ano pasado por bonos de fidelización. A cambio, renunciarán a calquera acción legal contra o banco. O Banco Santander pon en marcha hoxe o proceso para compensar os pequenos accionistas que perderon todo o que investiran no Banco Popular. Trátase dunha acción comercial que cambiará as accións adquiridas na ampliación de capital do ano pasado por bonos de fidelización. A cambio, os que se acollan, renunciarán a calquera acción legal contra o banco.

A presenza de clientes minoristas no accionariado do Banco Popular incrementouse notablemente ao longo de 2016, cando a entidade acometeu unha controvertida ampliación de capital de 2.500 millóns de euros. Apenas un ano despois o Popular pasaba á historia, e os accionistas perdían todo. 

Para eles e para os que tiñan débeda subordinada, o Santander anunciou compensacións. Desde hoxe e ata o 7 de decembro poderán acollerse a unha "acción de fidelización" que consiste na adquisición de bonos perpetuos. Os que investiran ata 100.000 euros, a gran maioría, segundo o Santander, recibirán a totalidade en bonos. 

Desde marzo do ano que vén, os que se acollan recibirán xuros do un por cento anual cada tres meses. Pasados sete anos, o Santander resérvase a decisión de poder amortizar estes bonos totalmente e integrarlle ao cliente o 100 por cento.

Pero hai condicións. A principal: os que se acollan aos bonos de fidelización renunciarán de forma irrevocable e incondicional a exercer accións legais contra a entidade. Ademais, deberán seguir sendo clientes do banco.

O valor máximo que emitirá o banco nestes bonos será de 980 millóns de euros, aínda que, segundo as súas propias estimacións, o custo total non superará os 680 millóns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2017