O San Xoán en Nigrán non tivo incidentes graves
Milleiros de persoas gozaron tamén da noite de San Xoán en Nigrán. Alí non se rexistraron incidentes graves e a festa transcorreu con normalidade. Dende primeira hora do día operarios do Concello retiraron o lixo dos areais que, este ano, quedaron máis limpos do habitual grazas á campaña de concienciación lanzada a través das redes sociais e ao traballo dos brigadistas medioambientais que traballaron ao longo da noite.
A mañá de San Xoán é xornada de resaca para os que gozaron da festa nocturna e de traballo para os encargados da limpeza dos areais, onde coinciden hoxe as máquinas cos paseantes máis madrugadores. Todo despois dunha noite que, segundo a Policía Local e os organizadores da festa, transcorreu con normalidade e sen incidentes graves en Nigrán.
Dende moi cedo, os servizos de limpeza traballaron na praia que, á primeira hora da mañá, presentaba xa este aspecto libre de lixo. Aseguran dende o Concello que funcionou a campaña de concienciación nas redes e tamén o esforzo dos voluntarios que pola noite colaboraron para evitar condutas pouco respectuosas co ambiente. Os veciños aplauden a implicación dos visitantes para que a festa non estea en contra da conservación desta contorna natural.
A peor parte levouna esta zona da praia, onde a pegada da festa quedou en forma de grandes buratos na area que danan gravemente o ecosistema e a superficie dunar.
Outra imaxe que deixa a mañá é a dos que confían na maxia da noite, madrugan e tentan buscar beneficio propio ao paso de milleiros de persoas por este areal.