CRTVG

Buscar

O Salvador recrúa a guerra contra a violencia das maras en plena pandemia

Publicado o 29/04/2020 20:48

Espidos, só con calzón e máscara e pegados uns a outros. Nas prisións de alta seguridade do Salvador non hai distanciamento social. Os presos de maras rivais levaban case vinte anos separados en módulos para evitar que se maten entre eles. Pero o presidente do país decidiu mesturalos. Aquí agardan a que preparen as celas seladas onde conviviran durante o confinamento.

"Non vai entrar nin un só raio de sol a ningunha das celas", di o ministro de Xustiza, Osiris Luna.

É a represalia do presidente Bukele contra os líderes das maras ingresados en prisión. Cúlpaos de ordenar a vaga de asasinatos no país aproveitando que os militares a policía están centrados en garantir o confinamento contra o coronavirus. O seu ministro do Interior defende unha medida cualificada de autoritaria e denunciada por asociacións de dereitos humanos.

"Non necesitamos solicitarlle a un xuíz que valide estas accións, estas accións están no marco da lei", afirma o ministro.

O de Nayib Bukele é un Goberno en minoría, pero as normas contra o coronavirus danlle amplos poderes durante a pandemia. A última decisión, disparar a matar aos membros das maras se hai vidas en perigo. Reducir a criminalidade no país máis violento da rexión é unha das súas bazas para intentar gañar as próximas eleccións.

Noticias web

29/04/2020