CRTVG

Buscar

O Salvador, primeiro país co bitcoin como moeda de curso legal entre protestas

Publicado o 07/09/2021 19:16
EFE

Centos de salvadoreños saíron este martes ás principais rúas de San Salvador para manifestarse en contra do uso do bitcóin como forma de pago, tras a entrada en vigor dunha lei que permite desde hoxe a circulación da criptomoeda xunto co dólar estadounidense.

Mozos, exguerrilleiros e veteranos do Exército do Salvador, mulleres activistas e membros de organizacións da sociedade civil concentráronse en diferentes puntos para desprazarse cara á sede da Asemblea Lexislativa. Os manifestantes portaron carteis en que expuxeron o seu rexeitamento ao bitcóin. "Basta de corrupción, non ao bitcóin", podíase ler nunha das pancartas.

O Salvador converteuse este martes no primeiro país do mundo no que ten curso legal o bitcóin como moeda de intercambio, xunto ao dólar, ao entrar en vigor a lexislación aprobada en xuño pasado. Os axentes económicos, segundo a lexislación avalada polo oficialismo na Asemblea Lexislativa, están obrigados a aceptar a criptomoeda e todos os prezos dos produtos e servizos deben expresarse en dólares e bitcóin.

As sondaxes de opinión revelan que este é o primeiro proxecto do presidente Nayib Bukele rexeitado por boa parte da poboación a pesar de que o mandatario mantén altos niveis de popularidade. Segundo a enquisa do Instituto de Opinión Pública, o 66,7 % da poboación opina que a Lei Bitcóin debe derrogarse e o 65,2 % mostrouse en desacordo en que o Goberno utilice fondos públicos para financiar a implementación do criptoactivo. 

Noticias web

07/09/2021