CRTVG

Buscar

O salario medio en Galicia marca un novo máximo e alcanza xa os 1.519 euros

Publicado o 28/08/2019 14:00
O salario medio en Galicia marca un novo máximo e alcanza xa os 1.519 euros

O salario medio en Galicia acumula dez trimestres seguidos de crecemento e alcanza agora 1.519 euros mensuais, tras incrementarse un 2,3% nos últimos 12 meses e marcar un novo máximo, segundo un estudo de Adecco.

Se se ten en conta a inflación e se se analiza o poder de compra do salario, a situación mellora, segundo destaca esta empresa de recursos humanos, pois Galicia é unha das cinco comunidades que hai un ano mostraban unha deterioración no poder de compra do salario medio pero agora presentan unha melloría.

No caso galego pasouse de perder un 0,4% no último informe de Adecco a gañar agora un 1,6% de capacidade adquisitiva.

Pola súa banda, o 32,4% dos parados españois e o 33,1% dos galegos está nesa situación desde hai polo menos dous anos, e polo tanto están considerados como de longa duración.

A pesar da redución de 3,9 e 5,3 puntos porcentuais, respectivamente, segue sendo un problema, advirte a compañía, ao apuntar que un de cada catro parados de longa duración da Unión Europea reside en España.

Con todo, en Galicia, o grao de cobertura dos parados leva crecendo oito trimestres seguidos: un 69,2% dos parados galegos cobra unha prestación tras crecer esta magnitude 13,1 puntos porcentuais.

Sinistralidade e folgas

En canto á sinistralidade laboral, en Galicia hoxe en día rexístranse 66,2 accidentes cada 10.000 ocupados (+1,2% interanual) fronte aos 67,8 de media en España (+1,5%).

Durante o último ano, case a metade dos empregos creados na comunidade galega foi a tempo parcial (10.700; +7,2%). Así, un 14% da xente que traballa na comunidade faino a media xornada (é a cuarta comunidade con menor proporción de empregos a tempo parcial). 

Galicia conta con 30,8 empresas cada mil habitantes, o que supón un lixeiro incremento interanual do 0,7%, mentres que a nivel estatal hai 29,5 firmas (a creación de empresas mellorou tamén un 0,7%). É a cuarta comunidade co maior parque empresarial do país.

O número de folgas crece na primeira metade do ano: agora rexístranse en Galicia 24,6 conflitos cada 100.000 empresas (+27,4% interanual). Con todo, cae notablemente a participación nelas (-44,4%, a terceira maior redución, quedando en 35,1 folguistas cada 10.000 ocupados). Polo que, de media, as folgas tiveron un seguimento menor ao longo dos últimos doce meses na comunidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí