O salesiano de Vigo acusado de abusar de seis menores nega tocamentos sexuais

EFE
O sacerdote do colexio Salesianos de Vigo, que está acusado de abusar sexualmente de seis menores que tiña ao seu cargo, negou os feitos ante o tribunal da Audiencia de Pontevedra que o xulga.
O relixioso, que foi apartado das súas funcións tras as denuncias realizadas polos pais dos menores, explicou que a relación con estes menores sempre foi "correcta" e asegurou cun rotundo "non" que xamais lles realizou tocamentos de carácter sexual.
Durante un interrogatorio que durou máis dunha hora, as preguntas do fiscal viraron ao redor dun campamento que o colexio organizou en xullo de 2019 en Cambados, que dirixía o acusado e no que se produciron a maior parte destes episodios. C.V., que ten actualmente 41 anos, recoñeceu compartir cuarto con algúns dos seus alumnos, pero subliñou que só tocou a algún deles "para que deixase de roncar", pero non nos xenitais, como os menores relataron nas súas denuncias.
Ademais, o relixioso tamén tivo que dar explicacións sobre outros abusos que, segundo as vítimas, sucederon durante unha peregrinación a Santiago de Compostela en abril de 2019 e na sede dunha asociación dependente do colexio.
A declaración do acusado foi a única que se puido escoitar en audiencia pública, xa que, como solicitara a Fiscalía, as vítimas declararon a porta pechada para preservar a súa intimidade e tras un biombo para non ter contacto visual co sacerdote.
A Fiscalía pide para o acusado unha condena de 67 anos e medio de cárcere como autor de once delitos de abusos sexuais a cinco destes menores e dun delito continuado de abusos sexuais polos tocamentos que sufriu a sexta das vítimas. Ademais, reclama que a esa pena se lle engadan 96 anos de liberdade vixiada, que non poida aproximarse a menos de 250 metros das súas vítimas e que quede inhabilitado para exercer o ensino a menores ou calquera outro oficio que implique contacto regular e directo con eles.
O escrito de acusación da Fiscalía inclúe tamén que, en concepto de responsabilidade civil, o acusado ou, no caso de que el non o faga, o colexio en que dispensaba clases de relixión indemnicen ás súas vítimas con 82.500 euros.