CRTVG

Buscar

Vacinarse este sábado sen cita previa, só co DNI ou coa tarxeta sanitaria

Publicado o 09/09/2021 14:35

Case hai un 80 por cento dos maiores de 12 anos coa pauta de vacinación completa, e no Sergas está todo listo para comezar pasadomañá con esa campaña nova de repesca sen cita previa. Vai dirixida, a aquelas persoas que por distintos motivos foron quedando sen vacinar. Vai ser diferente desde a organización, xa que os que acudan a ela terán que facer unha serie de trámites. Iso si, non lles levará moito tempo. 

O código QR, que cun simple lector rexistra os datos do paciente, non estará dispoñible o sábado. Algúns dos asistentes nin sequera estarán de alta no Servizo Galego de Saúde. Josefa Rodríguez Araújo, coordinadora de vacinación da área sanitaria de Ourense: "Terán que parar na zona administrativa, ver se están de alta no sistema, darlles a alta rápida se non o están, darlles unha cita".

Tamén se complica o cálculo de tubos necesarios, ao ser imprevisible o número de asistentes. Josefa Rodríguez Araújo, coordinadora de vacinación da área sanitaria de Ourense: "A loxística xa está moi preparada para iso. Iremos adaptándonos aos que vaian chegando, para ir empregando os frascos".

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, Galicia é a segunda comunidade con maior porcentaxe de vacinados. Teñen a pauta completa o 79 % dos maiores de 12 anos. Hoxe, en Expourense, é xornada de repescas, outro método para chegar ao maior número posible de persoas. A porcentaxe de vacinados varía por idades. Se entre os maiores de 60 roza o 100 por cento, de 20 a 40 anos hai un 30 por cento sen vacinar.

Para asistir o sábado á campaña de vacinación sen cita previa, abonda con presentar o DNI ou a tarxeta sanitaria.

Noticias web

09/09/2021