CRTVG

Buscar

O astromóbil Perseverance logra extraer osíxeno da atmosfera de Marte

Publicado o 22/04/2021 19:43
O astromóbil Perseverance logra extraer osíxeno da atmosfera de Marte

O astromóbil Perseverance logrou extraer osíxeno da atmosfera de Marte, o que constitúe o primeiro paso para lograr o obxectivo de non ter que transportar grandes cantidades dese elemento químico ao planeta vermello para impulsar os foguetes de regreso á Terra, segundo informou a NASA.

MOXIE, un dos instrumentos a bordo do explorador robótico que tocou Marte o 18 de febreiro, puido extraer osíxeno da fina atmosfera marciana, composta nun 96 % de dióxido de carbono (unha parte de carbono e dous partes de osíxeno) e menos dun 1 % de osíxeno.

A proba realizada o martes produciu 5 gramos de osíxeno, que, segundo a NASA, é suficiente para proporcionar 10 minutos de osíxeno respirable a un astronauta. Trátase do primeiro paso para proverse de osíxeno en Marte co fin de impulsar foguetes, o que permitiría á axencia espacial estadounidense reducir a cantidade que tería que transportar ao planeta vermello cando envíe astronautas.

Un foguete con catro astronautas necesitaría 3,5 veces máis osíxeno que combustible para foguetes para unha viaxe de regreso desde Marte, explicou a NASA nun comunicado.

"Transportar 25 toneladas métricas de osíxeno desde a Terra a Marte sería unha tarefa ardua. Transportar un convertidor de osíxeno dunha tonelada, un descendente máis grande e poderoso que MOXIE que podería producir esas 25 toneladas, sería moito máis económico e práctico", agregou.

Por agora, a NASA mantén a data de hoxe para que o minihelicóptero Ingenuity, que é outro dos dispositivos do Perseverance, realice o seu segundo voo en Marte, pero non deu detalles ata o de agora.

O pasado luns, Ingenuity flotou a uns tres metros do chan marciano durante 30 segundos e converteuse así na primeira aeronave da Terra en voar sobre outro planeta.