CRTVG

Buscar

O ritmo do Son do Camiño xa se sente no Monte do Gozo

Publicado o 13/06/2019 21:55

Esta tarde arrancou o festival de música O Son do Camiño aquí, na capital de Galicia.
O Monte do Gozo convértese durante tres días no epicentro da música en Galicia. Arestora xa está o anfiteatro bastante ateigado e moitos miran ao ceo, aínda que a chuvia parece que finalemente vai ser benevolente coa audiencia.

Se falamos de cifras, o evento tivo o ano pasado un retorno económico estimado de máis de 12 millóns de euros, que previsiblemente será maior nesta edición ao incrementar a capacidade en cinco mil persoas ao día. E, se falamos de música, as bandas galegas e nacionais van deixar paso xa aos pratos fortes desta noite como Bastille (lido Bastil) e Die Antwoord.

O Monte do Gozo volve facer honra ao seu nome porque a partir de hoxe acollerá 33.000 persoas ao día ata o domingo con ganas de escoitar boa música e mover o esqueleto. Os organizadores están satisfeitos coa gran acollida desta nova edición do Son do Camiño.

Na tarde deste xoves os galegos Kitai comezaron con moita enerxía e contundencia, non deixaron indiferentes. Logo houbo tempo para as bandas nacionais como Second ou Molina Molina. Todos impactados pola contorna verde que rodea o festival.

Os festivaleiros veñen con ganas, os novatos e os que repiten. Arestora está tocando unha das bandas máis esperadas, Bastille, que ademais sacan disco mañá venres, así que primicia mundial. Pero queda tamén o toque fresco do sevillano Beret, e os grandes da noite, Die Antwoord, que chegados de África do Sur e con máis de dez anos sobre os escenarios, non deixarán impávido a ninguén, sexa fan ou non.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019