CRTVG

Buscar

O Ribadumia agarda poder xogar na Senra a eliminatoria de Copa contra o Cádiz

Publicado o 16/11/2020 20:11

Era un día importante para o Ribadumia, deses que se marcan no calendario, e a expectación non podía ser máis no Auditorio Municipal. Medios de comunicación, xogadores, corpo técnico, directiva e afeccionados do club seguían en pantalla xigante o sorteo. E como se se tratase do día da lotaría de Nadal, o Gordo non se fixo esperar. Na terceira bóla do bombo dos 10 modestos clubs clasificados na previa saía o nome do Ribadumia. E segundos despois o do seu rival.

Non era o agardado Atlético ou Betis das quinielas, pero todo un histórico como o Cádiz visitará, se a Federación o permite, o campo da Senra.

Toño Serantes, presidente do Ribadumia: "A idea principal nosa pasa por xogar si ou si na Senra, máis alá do tema económico prima o sentimental. Se o Ribadumia gañou o dereito a xogar estar na primeira eliminatoria da Copa do Rei, o xusto sería que se xogue nas instalacións do Club Deportivo Ribadumia".

Por primeira vez nos seus 61 anos de traxectoria, o conxunto arousán xogará a Copa do Rei. Será a partido único.

Luis Carro, adestrador do Ribadumia: "A lóxica di que é case imposible, pero a outra intralóxica do fútbol tamén di que a partido único pode pasar calquera cousa, sexa o rival que sexa, e este formato de Copa hai moitas experiencias que o poden demostrar".

A cita para historia do Ribadumia, o vindeiro 16 de decembro.

Noticias web

16/11/2020