CRTVG

Buscar

O rescate de Julen volve atrasarse por ter que perforar outra vez o túnel vertical

Publicado o 23/01/2019 08:10

Os equipos de rescate de Julen continúan perforando en Totalán outra vez o túnel vertical, que onte foi imposible intubar. Unha vez solventado este novo contratempo, os mineiros comezarán coa galería horizontal que conecte co neno. Os responsables do operativo xa non se atreven a dar prazos de execución. 

Levaban introducidos 42 metros de tubos para asegurar ese túnel vertical polo que ían baixar os mineiros, cando apareceron unha serie de discontinuidades nas paredes do pozo que impedían continuar entubando. Unha circunstancia ao parecer moi habitual neste tipo de perforacións. Agora están perforando outra vez os 18 metros restantes para engrosar ese pozo vertical, pero houbo que volver botar terra para elevar a plataforma e facilitar o traballo da máquina perforadora. Tras dez días de continuos atrancos, motivados principalmente polas características orográficas e polo tipo de rocha desa montaña do Cerro da Corona, ninguén quere falar de prazos.

O responsable do operativo explica que cada vez se sinten máis preto de Julen que seguirán apostando pola solución que idearon desde un principio. Solventadas as dificultades para asegurar este pozo vertical, logo entrarán en acción os oito mineiros da brigada asturiana de Hunosa, que estes días acaparan toda a atención mediática. O delegado do Goberno en Andalucía fixo un chamamento explícito á prensa para que non lle metan presión ós equipos de rescate.

Abrir os catro metros de galería horizontal, de xeito manual, e en condicións extremas, levará polo menos 24 horas. E mentras o operativo traballa sen descanso, continúa a investigación xudicial. O xulgado de instrucción número 9 de Málaga abría onte dilixencias para coñecer as circunstancias exactas nas que Julen caeu ao pozo o 13 de xaneiro.

 

Noticias web

23/01/2019