CRTVG

Buscar

O reitor do Santuario dos Milagres, un bombeiro improvisado

Publicado o 02/09/2021 14:34

"Saín rápido, a verdade, cando me avisaron e o vin, vin as lapas e no momento ese tamén escoitei: Un extintor, un extintor! Tamén reaccionas porque a xente estaba dicindo: Un extintor, un extintor! Entón, collín o extintor e saín correndo sen dúbida cara arriba, sen pensalo, que ía facer?. Si, un bombeiro improvisado. En cuestión de segundos, ao ver as lapas, o único que pensei foi en saír correndo para apagalo".

Así relata Javier, o sacerdote sevillano reitor do santuario dos Milagres, en Baños de Molgas, a súa rápida intervención no pequeno incendio que se orixinou na tea que decoraba o balcón do templo.

"Foi un foco o que prendeu, claro, cando se pon quente, entón a mesma luz do foco foi a que deu calor á tea e unha alfombra tamén que tiñamos, por iso o cheiro a plástico era un pouquiño a alfombra", explica o reitor do santuario dos Milagres.

El conta que xa cheirara o fume a plástico pero que pensou que era da zona da feira. Reaccionou axiña cando o chamaron. Tamén chegaron os bombeiros de Maceda e de San Cibrao das Viñas, pero o lume xa esta sufocado.

"Achegáronse, pero xa estaba apagado, pero tamén é verdade que nos axudaron a limpar un pouco o po do extintor e de todo o que se formou aí nun momento. Agora xa mercamos uns focos led que quecen menos", di o sacerdote. 

Agardan que non volva ocorrer; desta vez quedou nun susto. Agora continúan con normalidade coas novenas no santuario a onde chegan cada día peregrinos e fieis. E prepáranse xa para os días grandes de celebración co Rosario das candeas o vindeiro día 7, véspera do día da Virxe dos Milagres.

Noticias web

02/09/2021