CRTVG

Buscar

Rusia convértese no segundo país con máis casos de coronavirus do mundo

Publicado o 12/05/2020 21:46
Rusia convértese no segundo país con máis casos de coronavirus do mundo

Rusia comezou hoxe a aliviar en varias rexións as restricións impostas para loitar contra o coronavirus nos seus territorios despois de que o presidente ruso, Vladímir Putin, decidise flexibilizar o confinamento pese ao aumento diario por encima de 10.000 casos que rexistra aínda o país.

Na primeira fase permitiranse paseos cos nenos, o exercicio ao aire libre e a apertura dalgúns comercios e servizos, en tanto que na segunda poderanse facer paseos en familia, abriranse comercios cunha superficie maior e renovaranse as clases en centros educativos.

 E é que en Rusia a curva dos casos da COVID-19 aínda non comezou a aplanarse e este martes o país alcanzou os 232.243 contaxios confirmados tras sumar outros 10.899 na última xornada. As autoridades atribúen estas cifras ao gran número de tests que efectúan á poboación, ata o momento 5,8 millóns.

Os últimos datos sitúan a Rusia como segundo país do mundo en números de casos -por encima do Reino Unido e España- segundo o mapa interactivo a Universidade Johns Hopkins, aínda que Rusia ten, con 146 millóns de habitantes, unha poboación máis de 2 e 3 veces maior, respectivamente. 

O número de falecidos ascende oficialmente a 2.116 decesos, o Goberno rexeitou calquera acusación de manipulacións.

O Reino Unido rexistra hoxe 627 falecidos máis por coronavirus

O Goberno do Reino Unido comunicou hoxe 627 falecidos máis tras dar positivo nun test de COVID-19 en hospitais, residencias e domicilios, ata un total de 32.692 vítimas mortais desde que comezou a pandemia. Antes de que este mércores comece unha desescalada gradual das medidas de confinamento en Inglaterra, as autoridades sanitarias fixeron 85.293 tests nunha xornada e detectáronse 3.403 novos contaxios, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Saúde británico.

Italia rexistra 172 mortos máis e duplícanse os novos contaxios

Italia rexistrou 172 novos falecementos nas últimas 24 horas, unha cifra algo inferior á do luns, ata un total de 30.911, segundo o último balance oficial de Protección Civil. O número de contaxios totais desde o inicio da emerxencia o 20 de febreiro é de 221.216, cun aumento respecto a onte de 1.402, case o dobre que o martes, pero 419 deses novos casos corresponden a Lombardía, que indicou que contabilizou casos de días anteriores. O número de positivos actuais é de 81.266, cun descenso de 1.222 en 24 horas.

Francia rexistra unha repunta con 348 mortes máis

As autoridades sanitarias de Francia informaron este martes de que se rexistrou un repunta da cifra diaria de mortos por coronavirus tras rexistrar outros 348 decesos nas últimas 24 horas, o que sitúa en 26.991 a cifra total de falecidos desde o inicio da pandemia.

Nun comunicado, o Ministerio de Sanidade detallou que do número de falecidos, 17.003 morreron en hospitais, mentres que outros 9.988 o fixeron en residencias de anciáns e centros de día. Segundo os datos solicitados polas autoridades, en total son 21.595 as persoas que continúan hospitalizadas, unha cifra que continúa diminuíndo a pesar de que se constataron 670 novos ingresos na última xornada. 

Noticias web

12/05/2020