CRTVG

Buscar

O Reino Unido retira a ameaza de violar o acordo do 'brexit' para Irlanda do Norte

Publicado o 08/12/2020 16:02

O Reino Unido anunciou este martes que retirará as polémicas cláusulas legais que lle permitían violar unilateralmente o pacto coa Unión Europea (UE) sobre a fronteira de Irlanda do Norte tras o Brexit. Londres e Bruxelas chegaron a un "acordo de principios" para que o chamado Protocolo para Irlanda do Norte, unha das pezas esenciais do acordo de saída da UE que se ratificou no principio do ano, estea "completamente operativo" o próximo 1 de xaneiro, informou nun comunicado o ministro de Gabinete británico, Michael Gove.

A ameaza por parte do Goberno británico de violar ese protocolo enturbara nos últimos meses a negociación sobre a futura relación entre ambos os lados da Mancha, que debe selarse antes de que termine este ano. Os avances anunciados hoxe prodúcense tras a reunión o luns en Bruxelas do comité conxunto que avalía a implementación do Acordo de saída, encabezado por Gove e o vicepresidente da Comisión Europea (CE) para Relacións Interinstitucionais, Maros Sefcovic.

O pacto alcanzado clarifica os arranxos que deberán seguirse en Irlanda do Norte en áreas como os controis aduaneiros para animais e plantas, mecanismos de declaración de exportacións e comercio transfronteirizo de medicinas e outras mercadorías. Tamén detalla as normas sobre subsidios estatais que deberán cumprir as empresas británicas involucradas en transaccións comerciais entre Irlanda do Norte e a Unión Europea.

En virtude desas "solucións mutuamente acordadas", o Goberno británico comprometeuse a retirar as cláusulas da chamada lei de Mercado Interno coas que se reservaba o dereito para saltarse o protocolo acordado. Tamén subliñou que renuncia a introducir disposicións similares na lei de Facenda que espera presentar esta semana no Parlamento.

Gove declarouse "encantado" por achegar posturas coa UE, mentres que Sefcovic celebrou o "duro traballo" que levaron a cabo ambos os equipos ata pechar un pacto de principios en "todos os asuntos" que estaban en disputa.

O diálogo do comité conxunto sobre a implementación do Acordo de Saída transcorreu en paralelo á negociación sobre a futura relación entre Londres e Bruxelas, que permanece bloqueada. O negociador xefe británico para o Brexit, David Frost, regresa hoxe ao Reino Unido para informar ao primeiro ministro, Boris Johnson, do estado do diálogo e avaliar os seguintes pasos.

Von der Leyen e Johnson reuniranse o mércores pola tarde en Bruxelas 

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, reuniranse mañá mércores pola tarde en Bruxelas para tratar de desbloquear a negociación sobre a relación tras o Brexit.

"Espero dar a benvida ao primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, mañá pola tarde. Continuaremos a nosa discusión sobre o acordo de asociación", escribiu no seu perfil de Twitter a política alemá.

O encontro entre os dous líderes anunciouse o luns despois dunha conversa telefónica entre ambos, pero aínda non se precisou a data exacta. O obxectivo da cita é dar un impulso final á negociación entre Londres e Bruxelas para lograr un pacto antes de fin de ano.

A lexislación comunitaria haberá deixado de aplicarse en territorio británico o 1 de xaneiro e o Reino Unido converteuse de forma definitiva nun país terceiro. Londres e Bruxelas deben pechar un acordo e levar a cabo a ratificación no Reino Unido e a Unión Europea antes de fin de ano. Pola contra, pasarán a rexerse nos seus intercambios comerciais polos requisitos arancelarios máis xerais, e menos favorables, da Organización Mundial do Comercio (OMC). 

A 23 días para que termine o prazo que se deron Londres e Bruxelas para pechar un acordo, hai tres asuntos que continúan bloqueando os avances: establecer unhas normas comúns que aseguren unha competencia xusta, pactar os mecanismos de gobernanza que rexerán a futura relación e a repartición de cotas pesqueiras en augas británicas.

O portavoz de Johnson rexeitou descartar a posibilidade de que o diálogo se estenda ata os últimos días do ano se non se chegou antes a un acordo. "Creo que xa vimos noutras ocasións que o Parlamento (británico) ten a capacidade de tramitar as cousas a unha boa velocidade se é necesario", comentou a ese respecto.

Noticias web

08/12/2020