CRTVG

Buscar

O Reino Unido amplía o confinamento tras un novo récord de falecidos nun día

Publicado o 16/04/2020 21:11

O ministro británico de Asuntos Exteriores, o conservador Dominic Raab, anunciou este xoves que o confinamento obrigatorio estenderase durante, polo menos, tres semanas máis no Reino Unido para tratar de frear a propagación do coronavirus.

Raab, quen lidera o Goberno mentres o primeiro ministro, Boris Johnson, se recupera da COVID-19, deu a coñecer que o confinamento se estenderá ata o 7 de maio despois de que se rexistrasen 861 falecementos pola enfermidade nas últimas 24 horas, o que supón un novo récord diario.

O ministerio de Sanidade do Reino Unido informou este xoves de que o número de mortos por coronavirus en hospitais británicos incrementouse ata 13.729, aínda que destacou que as medidas de distanciamento social están a ser "exitosas". Tamén elevou a máis de 100.000 o número de persoas que deron positivo. 

Italia supera os 22.000 falecidos

Italia superou os 22.000 falecidos por Covid-19 mentres que a cifra de contaxios se aproxima xa ás 170.000. Nas últimas 24 horas rexistráronse outras 525 vítimas mortais, polo que o total de falecidos ascende a 22.170, mentres que houbo 1.189 novos casos positivos, o que sitúa a cifra de contaxios desde que comenzou a pandemia a 168.941. Coma en días anteriores, a cifra de persoas ingresadas na UCI y hospitais seguen diminuíndo. 

Europa, "no ollo do furacán"

Europa superou a barreira do millón de persoas contaxiadas por coronavirus e os 84.000 falecidos por COVID-19. "Seguimos no ollo do furacán, veñen semanas fundamentais e non hai unha vía rápida para saír desta situación". Así advertía o director da OMS para Europa os países que estean pensando en aliviar os confinamentos da poboación.

O Xapón amplía a todo o país o estado de alerta sanitaria

O Xapón ampliou este xoves o estado de alerta sanitaria a todo o país para tratar de conter a propagación do coronavirus, cuxos casos superan xa os 9.000 en todo o seu territorio. O primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, estendeu así ás 47 prefecturas nipoas a alerta sanitaria, que se declarou a semana pasada en sete rexións do país, entre elas Toquio, ante o rápido aumento de casos desde finais de marzo. "A medida é necesaria para evitar unha crise nacional", dixo en declaracións recollidas polos medios locais Abe, quen volveu a recomendar aos cidadáns permanecer en casa salvo para desprazamentos esenciais e recortar notablemente o contacto social. 

É a primeira vez que O Xapón recorre a esta medida na súa historia democrática, unha decisión propiciada polo incremento dos casos confirmados de COVID-19, que superan xa os 9.000 contaxios, con 192 mortes.

Trump anuncia o plan para reabrir a economía dos EUA polo novo récord de mortos

Os Estados Unidos empezan a pensar en plans para reactivar a economía nos estados menos afectados. A medida choca coas recomendacións das autoridades sanitarias porque o país duplicou os casos de coronavirus na última semana. Pero na decisión de Donald Trump pesan máis as consecuencias económicas da pandemia. En catro semanas foron ao paro 22 millóns estadounideses. Destruíuse todo o emprego creado nos últimos dez anos. Tamén está sendo moi controvertida a decisión do presidente de poñer a súa sinatura nos cheques que recibirán os afectados. A decisión, cualificada de electoralista polos demócratas, atrasará a repartición de 300 millóns de dólares ás familias.

 

Noticias web

16/04/2020