CRTVG

Buscar

O Reino Unido suprime os corredoiros seguros e prohibe a entrada de viaxeiros da América Latina e Portugal

Publicado o 15/01/2021 17:20

O Reino Unido decidiu prohibir a entrada de viaxeiros procedentes de 14 países de América Latina e tamén desde Portugal. 

A prohibición entrou hoxe en vigor ante o temor que esperta no país a nova cepa aparecida no Brasil e que se cre que poder facer que o coronavirus sexa máis contaxioso. A prohibición afecta os viaxeiros procedentes de América do Sur e tamén a Panamá, Portugal e Cabo Verde, polos lazos que estes países teñen co Brasil.

O Reino Unido superou os 86.000 mortos e rexistra unha media de case 53.000 contaxios diarios, polo que as autoridades sanitarias aseguran que non poden asumir o risco de importar infeccións.

Suspensión dos corredores seguros

O Reino Unido suspende desde o luns os corredores aéreos seguros, que permitían a viaxeiros de determinados paises eludir unha corentena ao chegar as illas. O Goberno británico decide  aumentar as restricións ante a rápida propagación da Covid-19 e a crise que está provocando nos hospitais británicos.

Este anuncio non afecta os viaxeiros procedentes de España, que xa estaban obrigados a gardar corentena e a presentar unha PCR negativa á súa chegada ao Reino Unido. Johnson asegura que o peche dos corredores aéreos ten como obxectivo protexer o país de calquera nova cepa de coronavirus "sen identificar". A mesma razón que levou o Goberno a prohibir desde hoxe todos os voos procedentes de América do Sur e Portugal.

E é que o sistema de saúde británico tratou máis pacientes de Covid na última semana que durante o pico da primeira vaga, en abril do ano pasado. O número de contaxiados diarios supera os 48.000, e os últimos datos oficiais revelan 1.200 novos falecementos.

 

Noticias web

15/01/2021