CRTVG

Buscar

O Reino Unido pecha escolas e cancela exames pola pandemia, e Portugal descártao

Publicado o 10/01/2021 13:23
O Reino Unido pecha escolas e cancela exames pola pandemia, e Portugal descártao

Os centros educativos británicos permanecerán abertos só para alumnos vulnerables e fillos de traballadores esenciais. Portugal descarta pechar as escolas ante un posible novo confinamento.

O Reino Unido pecha os colexios de primaria e de secundaria e cancela a maioría das probas para loitar contra a terceira vaga da pandemia de coronavirus. Co novo confinamento vixente desde primeiros de ano, o Goberno impuxo o ensino pola internet en Inglaterra, polo menos ata mediados de febreiro, mentres que Gales, Escocia ou Irlanda do Norte fixeron o mesmo pero revisarán a decisión en diferentes datas.

A universidades tamén ofrecerán ata febreiro ensino virtual agás en sectores clave para a crise, e as garderías seguen abertas, decisión que persegue que os pais teñan opción de traballar. Tamén se cancelaron as probas de acceso á Universidade que cambian pola avaliación continuada dos alumnos.

O sábado houbo 1.035 mortes, ata un total de máis de 80.000 desde o comezo da pandemia. Portugal decidirá nos próximos días que novas restricións vai aplicar para a segunda quincena de xaneiro.