CRTVG

Buscar

O Reino Unido marca récord de contaxios durante toda a pandemia

Publicado o 12/11/2020 18:21

En Italia e Portugal a incidencia tamén segue en máximos

O Reino Unido marca récord de contaxios durante toda a pandemia

O Goberno británico comunicou este xoves a detección de 33.470 novos casos de covid-19 en 24 horas, por encima dos 22.950 de onte e a maior cifra diaria rexistrada ata o de agora durante a pandemia. En total, desde que comezou a estenderse o coronavirus rexistráronse 1,29 millóns de infeccións no país, que esta semana procesou máis de 377.000 tests ao día.

O avance das infeccións prodúcese un día despois de que se anunciasen 595 mortes nunha soa xornada, o máximo número desde o pasado 12 de maio, e superásese a barreira de 50.000 decesos no reconto oficial do Reino Unido. 

Os mortos en Italia aumentan en 636, o peor dato en sete meses 

Italia rexistrou 636 mortes por coronavirus nas últimas vinte e catro horas, a peor cifra desde o pasado mes de abril, mentres que detectou case 38.000 novos contaxios, segundo o boletín divulgado hoxe polo Ministerio de Sanidade. No último día confirmáronse 37.978 novas infeccións do virus en Italia. Isto aumenta a 1.066.401 o número de persoas que se contaxiaron desde mediados do pasado febreiro.

A cifra de mortos segue preocupando en Italia e máis despois das 636 persoas que perderon a vida no último día no país a causa do patóxeno, a peor cifra desde principios de abril. O balance de falecidos alcanza xa as 43.589 persoas.

Portugal suma 78 mortos e segue marcando máximos de hospitalizados 

Portugal rexistrou nas últimas 24 horas 78 mortos por coronavirus, a segunda maior cifra de toda a pandemia tras o récord dun día antes (82), e segue aumentando a presión nos hospitais, onde a cifra de ingresados non deixa de crecer. Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde (DGS), nas últimas 24 horas notificáronse 5.839 contaxios, tamén a segunda maior cifra, por detrás dos 6.640 do pasado sábado. En total, desde marzo, o país acumula 198.011 positivos e 3.181 falecidos.

O número de ingresos hospitalarios segue subindo e xa son 2.794 persoas internadas en centros médicos, nove máis que o mércores, aínda que se produciu unha lixeira mellora nos coidados intensivos, onde hai 383 pacientes (oito menos).

Noticias web

12/11/2020