CRTVG

Buscar

O Goberno do Reino Unido esixe renegociar con Bruxelas as condicións do 'brexit'

Publicado o 12/10/2021 20:05

Menos dun ano despois da súa sinatura, o Reino Unido esixe renegociar as condicións do Brexit respecto a Irlanda do Norte. Así o fixo oficial David Frost. O secretario de Estado británico para o Brexit reclama a revisión do protocolo de Irlanda do Norte, un dos puntos máis conflitivos do acordo para saír da Unión Europea.

O Goberno de Boris Johnson négase a establecer controis aduaneiros no mar de Irlanda para non entorpecer o seu mercado interior. O problema é que sen esas peaxes non hai maneira de controlar a entrada de produtos británicos na Unión Europea e viceversa, unha condición que Bruxelas considera inamovible.

A outra alternativa sería poñer controis na fronteira terrestre entre as dúas Irlandas, unha opción que batería frontalmente contra os acordos de paz do Venres Santo. En resumo, Londres cre que é imposible poñer eses controis e pide, de paso, que os conflitos coa Unión queden fóra da xurisdición do Tribunal de Xustiza Europeo, tal e como fixaba o documento do Brexit.

De momento, Bruxelas amosase disposta a falar e xa prepara un paquete de propostas para salvar as obxeccións británicas. Pero todo apunta a que o final deste 2021 volverá ser tan quente entre os dous veciños como o foi o ano pasado.

 

Noticias web

12/10/2021