CRTVG

Buscar

O Reino Unido díxolle adeus á Unión Europea tras 47 anos no seu seo

Publicado o 01/02/2020 19:58

Campás e tambores soaban ao unísono en Londres ás doce da noite, hora galega, a xeito de adeus. Miles de cidadáns festexaban, a carón do Parlamento de Westminster, a saída da Unión Europea, pero a euforia foi limitada. Entre outros motivos, porque o propio Boris Johnson ordenara que as celebracións estivesen marcadas pola discreción nun país dividido arredor do brexit.

"Esta noite ímonos da Unión Europea. Para moitas persoas, este é un sorprendente momento de esperanza", dixo o primeiro ministro nun discurso para a ocasión, gravado previamente. Johnson sinlou que se trata de usar o novo poder, o da soberanía reconquistada, para intentar novas opcións que non foran usadas durante décadas.

Tras a porta do 10 de Downing Street, Johnson brindaba con champaña cun grupo de ministros. Pero, en todo caso, o relevante é que evitou todo exhibicionismo público e non será ata o luns cando se dirixa en vivo aos británicos. Por diante ten moitos retos, comezando pola negociación do acordo comercial coa Unión Europea, que onte baixaba definitivamente a bandeira da Gran Bretaña.

Outros temas pendentes son a inmigración ou as solucións para Irlanda do Norte e Escocia. Aquí, en territorio escocés, houbo manifestacións, esta noite, en contra da saída da Unión Europea, horas despois de que a ministra principal, Nicola Sturgeon, anunciara que non descartaba un referendo legal á marxe de Londres.

O aínda líder laborista, Jeremy Corbyn, limitouse a sinalar que Gran Bretaña "está ante unha encrucillada para definir o seu lugar no mundo" e que "agora a cuestión é saber que dirección que se vai tomar".

No ámbito internacional, as declaracións más relevantes foron as do presidente francés. Emmanuel Macron asegurou que "o brexit é un sinal de alarma histórica para toda Europa". Toda unha chamada de atención ante un divorcio que ten pendentes novos capítulos.

 

Noticias web

01/02/2020